Nado en Melide   en 1957, comeza os seus estudos  de Piano, Trompeta e Composición, no Conservatorio da Coruña, para finalizalos anos máis tarde no Real Conservatorio de Música de Madrid, nas especialidades de Composición e Dirección de Orquestra.  Realiza cursos activos de especialización orquestral co mestre ruso Rozhdestvensky  (Siena, 1989), e co mestre alemán Helmulh Rilling (Santiago de Compostela, 1992).

A finais dos anos oitenta comeza a traballar en diferentes facetas musicais, dirixindo coros, bandas de música, orquestras sinfónicas, creando espectáculos musicais, escribindo arranxos e composicións orixinais para distintas formacións de cámara, vocais e instrumentais.

En 1982 consigue o seu primeiro posto de director á fronte da Coral Polifónica “ El Eco” da Coruña. En 1984 funda a orquestra de cordas Camerata, con alumnos e profesores do conservatorio da Coruña. En 1987 é chamado para ocupar o cargo de director musical do Concello de Lalín onde dirixe a banda municipal, crea o conservatorio de música e a orquestra sinfónica do centro. En 1991 crea o conservatorio Municipal de Melide e no ano 1993 a Orquestra Sinfónica de Melide. Este será o seu proxecto mais duradeiro onde verán a luz numerosos espectáculos musicais creados por el, que levará, durante máis de 20 anos, por distintos puntos de España e Portugal. En 1994 crea a Orquestra de Cámara de Pontevedra, con alumnos e profesores do conservatorio desa cidade. En 1997 foi nomeado director da Escola de Prácticas Orquestrais do IGAEM e director titular da Xove Orquestra Sinfónica de Galicia. No ano 2013, é chamado para ocuparse da dirección musical doutro dos coros históricos de Galicia, a Coral Polifónica Follas Novas da Coruña.

Dirixe orquestras profesionais en distintos países europeos como: os Virtuosos de Moscova, a Filharmónica Nacional de Moldova, Orquestra do Norte de Portugal, Orquestra de Cámara de Kishinev, Orquestra Bohuslava Martinú e a Orquestra de RTVE, entre outras.

Na última década realiza unha actividade intensa no eido da composición musical, estreando e gravando numerosas obras da súa autoría, abordando distintos xéneros musicais que culmina  coa presentación da súa ópera “ A Raiña Lupa”, estreada o 2 de xullo de 2016 no Teatro Colón da Coruña.

Desde o mes de setembro do 2019, imparte clases de Dirección de Orquestra no Conservatorio Superior de Música da Coruña, encargándose  ademais diso da dirección da orquestra sinfónica do centro.

 

https://youtube.com/user/SinfonicadeMelide

Anterior Carolina Landriscini / Violonchelo