Correo electrónico: uxia.bolanho@edu.xunta.gal

Uxía Bolaño Amigo

Comeza os seus estudos musicais na Escola de Música da súa vila natal, Rianxo. Desenvolve logo a súa formación no Grao Profesional de Música no Conservatorio Felipe Paz Carbajal de Noia co profesor Martín Baleirón e no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela con Saúl Canosa, obtendo o Premio Fin de Grao na especialidade de clarinete.

Estuda Grao Superior de Música na Escola Superior de Música e Artes Escénicas (ESMAE) de Porto (Portugal) cos mestres António Saiote e Nuno Pinto, e continúa ampliando a súa formación no Conservatorio Superior de Música de Vigo co profesor Asterio Leiva.

Licénciase en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se titula con posterioridade no Mestrado de Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario, así como no Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas da Facultade de Ciencias da Educación. Tras realizar varias estadías como intérprete, docente e investigadora (fundamentalmente en Holanda, Portugal e España), conclúe a súa Tese de Doutoramento nesta mesma Universidade recibindo Mención Internacional e Matrícula de Honra Cum Laude.

Desenvolve labores profesionais como música e docente na Banda Municipal de Música da Coruña, na Escola de Música de Rianxo, na Asociación cultural e musical Solfa de Santiago de Compostela, entre outras, así como en diversos Conservatorios Profesionais de Música para a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Igualmente, traballa como investigadora no Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-interea (participando en multiplicidade de proxectos no seo do Grupo de Referencia Competitiva e na Rede Interuniversitaria de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento RINEF-CISOC), como pedagoga para a Dirección de Avaliación e Acreditación da Axencia Andaluza do Coñecemento, e como docente e investigadora (tanto en titulacións de Grao como de Posgrao e Máster) nas facultades de Ciencias da Educación e de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela.

Intervén con frecuencia en publicacións, xornadas, congresos e cursos de formación, asistindo con asiduidade a clases e cursos de perfeccionamento con Yehuda Gilad, Juan Ferrer, Venancio Rius, Hermann Stefánsson, Stephan Vermeersch, Arno Piters, Pascual Martínez, Luis Rossi, Lorenzo Guzzoni, Milan Rericha, Vicent Alberola, Enrique Pérez, Josep Fuster, Javier Balaguer, John Cipolla, Javier Vidal, Jorge García, Víctor Pereira, Valdemar Rodríguez ou Fernando Silveira, entre outros. Participa en múltiples ciclos musicais, así como na organización e desenvolvemento de diversos concertos, masterclass, cursos e congresos. Desenvolve unha intensa actividade como música de cámara, formando parte de diferentes grupos como o Trío Aine (clarinete, viola e piano), o quintento de vento Equa Ensemble, o trío Sons (soprano, clarinete e piano) ou o dúo Arvela (clarinete e guitarra) e, igualmente, actúa con diversas agrupacións musicais da península (orquestras sinfónicas, bandas de música e formacións camerísticas).

Actualmente é profesora de Clarinete no Conservatorio Superior de Música da Coruña e mantén a súa vinculación investigadora coa Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte de diversas asociacións, como a Asociación Española del Clarinete; participa activamente en sociedades científicas, como a Sociedad Española de Historia de la Educación, entre outras, e é membro do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, do Consello de Redacción de diversas revistas científicas e directora da Revista Galega de Educación.

 

Anterior Fernando Llorca / Bateria