A Brass Band do Conservatorio Superior de Música da Coruña nace en setembro de 2022, grazas á paixón e enerxía dos profesores do departamento de vento-metal, co fin de ofrecer ao alumnado a oportunidade de ampliar as súas habilidades nun conxunto cunha tradición menor en España. Desde entón, funciona semanalmente, de forma ininterrompida e converteuse nun referente, ofrecendo concertos por toda Galicia: A Coruña, Santiago, Culleredo, Viveiro e Mondoñedo, entre outros lugares. O seu repertorio principal fundaméntase en obras orixinais para brass band, dando especial importancia aos concertos para solista de compositores como E. Crespo, P. Sparke, J. Curnow, B. Moren, J. De Haan, S. Bula e E. Gregson entre moitos outros. De igual forma inclúense arranxos e transcricións de obras de G. Gabrieli, G. Verdi, S. Prokofiev, A. Copland e J. Williams, así como música popular española e especialmente galega escrita por J.L. Diéguez, H. Cambeses, R .Talens e R. Pascual-Vilaplana. Ademais, esta agrupación aposta decididamente por apoiar o labor e o talento de mozos directores e compositores, facilitando prácticas de dirección e estreas de obras que axuden a fomentar e impulsar o repertorio escrito para brass band. Cabe destacar a estrea realizada en 2024 da obra "Concerto para Tuba e Bombardino. A lenda de Xerión", encargo ao compositor Samuel U. Rodríguez Gómez. O seu director é o profesor de tuba e bombardino Javier Monteagudo Mañas.